
SOS Sanidade Pública presenta no Local Sociocultural da Barquiña o documental DEP. Este é o acrónimo de «Descanse en Paz», que os autores do documental converteron en «Destruír é o Plan».
DEP narra como a partir do ano 2009, cando Feijóo accedeu á presidencia da Xunta, o PP iniciou un plan para reducir o gasto público en sanidade, eliminando medios persoal e servizos; purgando aos xefes de servizo dos hospitais que criticaban os seus recortes para situar neses postos a médicos afíns; á vez que promocionaban unha masiva privatización do sistema en beneficio de empresas ás que en ocasións estaban vinculados os familiares de quen executaba o plan.
DEP describe a destrución planificada da sanidade galega durante os gobernos do PP. Denuncia os recortes, a corrupción, o nepotismo e as privatizacións nunha crónica na que participan sanitarios, pacientes, familiares, políticos e xornalistas.
DEP explica o enorme deterioro da atención primaria, que hoxe atende con dilación de semanas; os colapsos recorrentes dos servizos de urxencias; o peche de camas; a non reposición de especialistas e o abandono das zonas rurais…
DEP fálanos do peche dos puntos de atención continuada (PAC) ou a súa infradotación de persoal provocaron a morte de pacientes que acudiron a eles con doenzas graves e urxentes e que faleceron porque non había ningún médico que puidese atenderlles.
DEP tamén denuncia a falta de ambulancias e de persoal para estas -o servizo leva anos privatizado- o que, segundo os seus autores, tamén provocou mortes que poderían evitarse de non ser polos recortes.
De DEP e de todo isto van falar ao remate do documental Xose María Dios Diz, médico e voceiro de SOS Compostela, Manuel Martín médico e voceiro de SOS Sanidade e Isabel Rey realizadora audiovisual.
Será no Centro Sociocultural A Barquiña, de Noia, o sábado 15 de marzo ás 17.30h
