Os centros de ensino de Muros súmanse á conmemoración do 8M con actividades sobre igualdade promovidas polo Concello

O Concello de Muros continúa coa súa programación especial polo 8M, Día Internacional da Muller, promovendo actividades de sensibilización nos centros de ensino do municipio.

Un dos actos principais foi un obradoiro sobre igualdade, prevención da violencia machista e sensibilización, impartido no IES Fontexería e no IES As Insuas. A concelleira de Igualdade, Maruxa Martínez, destacou a relevancia desta iniciativa e agradeceu “a implicación e o interese do alumnado” neste tipo de actividades.

Pola súa banda, a concelleira de Ensino, Laura Rivadeneira, subliñou a importancia de levar este tipo de formación ás aulas: “É fundamental aproveitar estas iniciativas para que as nenas e os nenos tomen conciencia do que significa a igualdade”.

A programación municipal tamén inclúe contacontos teatralizados nos colexios CEIP Ramón de Artaza, CEIP Ricardo Tobío, CEIP de Louro e na Escola de Educación Infantil de Muros, co obxectivo de achegar valores igualitarios aos máis pequenos a través da narración e do teatro.

Con estas actividades, o Concello de Muros reafirma o seu compromiso coa educación en igualdade e coa loita contra a violencia de xénero desde as idades máis temperás.

Deja un comentario