«Os Fabulosos Cleaners» chegan a Muros cun espectáculo máxico de pompas de xabón

O vindeiro sábado 22 de marzo, ás 18:00 h, o Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros acollerá o espectáculo «Os Fabulosos Cleaners», unha proposta visual sorprendente de Malasombra Producións que promete fascinar a público de todas as idades.

Con dirección de Luís Beviá, un creador recoñecido internacionalmente polo seu traballo co universo das pompas de xabón, este espectáculo transportará aos asistentes a un mundo cheo de cor, humor e fantasía. A historia segue a dous operarios de limpeza que, por accidente, descobren as infinitas posibilidades das súas ferramentas combinadas con auga e xabón. A partir de aí, inícianse nunha aventura sorprendente onde as pompas de todas as formas e tamaños encherán o escenario de maxia.

A concelleira de Cultura, Caridad González, destacou a importancia deste evento: «Este espectáculo será unha oportunidade única para que as familias do noso concello gocen xuntas dunha experiencia máxica. Estamos encantadas de seguir traendo propostas diferentes e de gran calidade a Muros.”

O espectáculo ten unha duración de 60 minutos, está recomendado para público a partir de 3 anos e o prezo da entrada é de 2,50 €. As reservas poden realizarse a través da ligazón: https://forms.gle/RGdYaDmsFE5w61Gp7.

Un plan perfecto para gozar en familia e deixarse levar pola maxia das pompas de xabón!

Deja un comentario