****
Compromiso por Outes denunciou a situación do novo goberno municipal tras a moción de censura que levou á alcaldía a Francisco Calo. A formación criticou, a través dunha publicación nas súas redes sociais, que o concelleiro Tono Caamaño, recentemente nomeado segundo tenente de alcalde e membro da Xunta de Goberno Local, estea a cobrar sen que se lle teñan asignado oficialmente ningunha función ou competencia.
Segundo explican, xa pasaron case dúas semanas desde a súa designación, pero o novo goberno aínda non aprobou a distribución de responsabilidades entre os seus membros. Ademais, lembran que, de acordo cun informe da secretaría municipal, no momento en que se faga firme a expulsión de Caamaño do PSdeG-PSOE, este deberá abandonar o executivo local.
A formación comprometeuse a seguir informando sobre a situación e manter a súa vixilancia sobre a nova corporación.

