O Concello de Muros reitera o seu apoio ás Carrilanas tras o anuncio da súa cancelación

Muros, 20 de marzo de 2025 – O Concello de Muros manifestou a súa sorpresa ante o anuncio da Asociación de Carrilanas de Esteiro sobre a cancelación da edición 2025 do festival por falta de financiamento. Nun comunicado oficial, o goberno municipal reafirmou a súa vontade de apoiar a celebración do evento e de asinar un convenio de colaboración, como viña facendo en anos anteriores.

Segundo explica o Concello, o pasado 24 de febreiro recibiu un escrito da Asociación no que se solicitaba diversa documentación e información, con un prazo de resposta de 10 días, considerado inferior ao que marca a lexislación. En resposta, o Concello convocou unha reunión para avanzar nos trámites necesarios, pero a directiva da Asociación rexeitou a convocatoria.

O comunicado municipal lembra que en 2024 se concedeu unha subvención de 25.000 euros á organización, ademais de apoio en infraestruturas, loxística e recursos humanos. Durante a celebración do evento, o Concello tamén puxo a disposición efectivos da Policía Local, o GES de Muros e Protección Civil, así como instalacións municipais.

A alcaldesa, María Lago, asistiu á última asemblea da Asociación en febreiro, onde se comprometeu a supervisar a tramitación dos permisos necesarios para a edición de 2025. Desde o Concello aseguran que descoñecen os motivos reais do comunicado emitido pola Asociación e reiteran a súa disposición a dialogar para garantir a continuidade do festival.

O goberno local confía en que as Carrilanas de Esteiro poidan celebrarse no verán de 2025 e insiste na súa vontade de manter a colaboración coa Asociación.

Deja un comentario