Muros/Carnota | Diariodenoia.con
As familias e asociacións de Muros e Carnota acaban de lanzar un comunicado contundente ante a crítica situación da atención pediátrica na zona. A praza dun dos pediatras leva vacante desde hai 10 meses por unha baixa sen cubrir, deixando a máis de 900 nenos e nenas ao cargo dunha soa profesional.
O problema agrávase con importantes limitacións no acceso á atención: as citas só se poden xestionar por teléfono, sen opción de uso da app do Sergas, o que dificulta aínda máis a comunicación co centro. Moitas familias están a ser derivadas a outros concellos como Outes ou Noia, ou ben a médicos de familia que non contan coa especialización pediátrica.
«A atención só está dispoñible en horario de mañá e, en caso de urxencias, temos que desprazarnos ata Santiago, a máis de 70 quilómetros», denuncian. Co verán á volta da esquina, a poboación nas zonas costeiras multiplícase, mentres os servizos sanitarios seguen minguando.
«As familias dicimos BASTA», reclaman no comunicado. Esixen a cobertura inmediata da praza vacante e recursos suficientes para garantir unha atención pediátrica digna e estable para as crianzas da comarca.
A mobilización está en marcha e fan un chamamento á cidadanía para compartir a situación e presionar ás autoridades sanitarias a tomar medidas inmediatas.

