O Concello de Noia e o Clube de Pensionistas organizan o Xantar dos Maiores


O Concello de Noia, en colaboración co Clube de Pensionistas de Noia, organiza unha nova edición do tradicional Xantar dos Maiores, que terá lugar o sábado 27 de abril ás 14:30 horas no pavillón municipal Alonso Rodríguez.

Na presentación do evento, a Concelleira de Servizos Sociais, Marisol Villar, estivo acompañada polo presidente do Clube, Ramón Vidal. Ambos destacaron a importancia desta cita anual como espazo de encontro, convivencia e homenaxe ás persoas maiores do municipio.

As persoas interesadas en asistir deberán ser socias do Clube de Pensionistas ou estar xubiladas e empadroadas no Concello de Noia. A iniciativa busca fortalecer os lazos comunitarios e recoñecer a contribución da terceira idade á vida social e cultural do municipio.

Cómpre sinalar que este evento continúa a ser, a día de hoxe, o único da súa índole na comarca no que as persoas participantes deben asumir un custo pola súa asistencia. Un feito que, se ben responde á organización conxunta entre administración e entidade colaboradora, marca unha diferenza respecto doutras propostas similares promovidas noutros concellos da contorna.


Deja un comentario