
O alcalde de Outes, Fran Calo, e o Partido Popular veñen de presentar o proxecto de orzamentos municipais para este ano cunha cifra total de 6.723.424 euros, apenas 52.000 euros máis que os 6.671.357 euros do documento elaborado polo anterior executivo de Compromiso Outes e o BNG. A pesar das duras críticas realizadas nos últimos meses, nas que o rexedor popular aseguraba que o Concello estaba «sumido nunha gran crise económica», o goberno actual mantén practicamente intactas as contas herdadas.
Desde Compromiso Outes denuncian o xiro de discurso do PP, que pasa agora a defender unhas contas que hai pouco cualificaban de insostibles. Segundo sinalan, salvo pequenos axustes internos entre partidas, o proxecto económico é unha copia do elaborado polo goberno anterior, o que desmonta as advertencias catastrofistas lanzadas polo equipo de Fran Calo ao asumir o cargo.
A única diferenza relevante é a redución na partida de investimentos, que baixa en máis de 63.600 euros con respecto ao documento presentado en febreiro, situándose agora en 709.158 euros.
Con esta proposta, Fran Calo e o seu equipo non só validan o traballo do anterior goberno, senón que tamén evidencian a falta de alternativas reais fronte ao modelo que tanto cuestionaron.
