Noia, abril de 2025 – As Festas de San Marcos xa están ás portas, e Noia prepárase para vivir unha das citas máis queridas do seu calendario. Este ano, o programa mantén os piares clásicos da celebración: feira cabalar, música tradicional, actividades infantís e verbenas para todos os públicos. Iso si, sen grandes sorpresas nin nomes estrela, o cartel deste 2025 parece apostar pola prudencia e a continuidade.
O venres 25, día grande, celebrarase a tradicional Feira Cabalar e de Maquinaria Agrícola en San Lázaro, con concursos morfolóxicos e exhibicións de doma, nunha cita que sempre atrae tanto a profesionais como a curiosos. A música da noite correrá a cargo da orquestra Finisterre e a Disco Móbil CDC, nunha proposta que, aínda que solvente, non apunta a grandes multitudes nin ao impacto doutras edicións recentes.
O sábado 26, a programación combina música e deporte. Haberá boxeo e kickboxing no pavillón Agustín Mourís, e para a rapazada, inchables na praza do Curro. Pola noite, subirase ao escenario Panorama City, nome que pode dar lugar a confusión —non é a famosa Panorama, digamos que a marca branca—, seguida das actuacións de Black Black e Chocolate Disco Móbil. Unha noite completa, aínda que lonxe do despregamento doutras épocas máis ambiciosas.
O domingo 27, a música tradicional toma o protagonismo coa VIII Foliada, que reunirá grupos como Cherumia, Falcoeira, Nunca é Tarde ou Jait@s Blue en distintas prazas da vila. A xornada pecharase cun concerto da banda de música tradicional na praza do Curro e a verbena final na Alameda con New York.
En resumo, San Marcos 2025 promete manter viva a esencia da festa, con propostas para todas as idades e un ambiente animado. Iso si, moitos xa comentan que a programación deste ano semella algo máis contida, quizais por non coincidir con ano electoral. Sexa como for, Noia volverá vestirse de festa… aínda que con menos lús que noutras edicións.



