As pistas de atletismo de Noia perden a homologación por falta de mantemento


Noia, 18 de abril de 2025 – As pistas de atletismo de Noia veñen de perder a súa homologación oficial tras unha década sen realizar as revisións e melloras necesarias. Así o denunciou o PSDG-PSOE de Noia, que sinala directamente ao actual goberno local, liderado polo PP-Noieses Agrupados, como responsable desta situación.

Segundo explicou o voceiro socialista Fran Pérez, «tras anos de reclamacións para realizar pequenas obras de mantemento, que apenas suporían custo para as arcas municipais, esta semana coñecemos que se perdeu definitivamente a homologación da pista». O grupo socialista lamenta que o executivo local «non fixera absolutamente nada» para evitar esta perda, a pesar de ter dispoñibles dez anos para renovar o certificado.

A perda de homologación implica que a instalación xa non poderá acoller competicións oficiais, o que supón un duro golpe para o deporte local e para os atletas que empregan estas pistas a diario. «É unha mostra máis do abandono ao que teñen sometidas as instalacións deportivas do concello», concluíu Pérez.

O PSDG-PSOE insta ao goberno municipal a actuar con urxencia para recuperar a homologación e garantir unhas condicións dignas para o deporte en Noia.


Deja un comentario