Varios actos vandálicos causan danos na Piscina Municipal e no Campo Julio Mato de Noia


Durante a pasada madrugada, a Piscina Municipal de Noia e o Campo de Fútbol Julio Mato sufriron diversos actos vandálicos que ocasionaron importantes desperfectos nas instalacións. Os feitos, segundo fontes municipais, foron descubertos por unha traballadora do servizo de limpeza que se atopaba nos recintos no momento do suceso.

Dende o Concello de Noia manifestan a súa «consternación e total rexeitamento» ante este tipo de condutas incívicas, que consideran un ataque directo aos bens comúns da cidadanía. «Este tipo de comportamentos prexudican a todos os veciños e veciñas, especialmente aos usuarios habituais das instalacións deportivas», sinalan desde a administración local.

A intervención dunha parella que paseaba pola zona, así como do persoal do servizo de recollida de lixo, permitiu asistir rapidamente á traballadora afectada e dar aviso inmediato ás autoridades. A Garda Civil está a investigar os feitos para tratar de identificar aos autores e esclarecer o acontecido.

O Concello confía en que os responsables sexan identificados e respondan polos danos ocasionados. “Este tipo de actos non poden quedar impunes”, sinalan, e engaden que é fundamental que non se repitan episodios deste tipo.

Por último, o consistorio agradeceu a colaboración cidadá e o labor dos traballadores municipais, ao tempo que fixo un chamamento ao respecto polos espazos públicos. “As instalacións son de todos e deben ser coidadas como tales”, conclúen.

Deja un comentario