A agrupación municipalista Marea de Noia vén de facer público un comunicado nas súas redes sociais no que critica duramente a inacción das administracións ante a persistente contaminación da Praia de Testal. No texto, lembran que xa van máis de cinco anos nos que este areal permanece non apto para o baño por mor dunha calidade das augas “insuficiente e perigosa para a saúde pública”.
A Marea de Noia sinala directamente á Xunta de Galicia e ao Goberno local, ás que acusa de “mirar para outro lado” mentres os informes da Consellería de Sanidade seguen alertando da presenza excesiva de bacterias fecais como E. coli e Enterococos intestinais.
“A veciñanza está farta de promesas incumpridas. É hora de actuar con responsabilidade. Non podemos permitir que unha praia histórica da nosa vila estea fóra do censo oficial por desleixo institucional”, afirman desde a formación.
O comunicado remata cun chamamento á mobilización cidadá e á unión de forzas para esixir solucións reais e inmediatas, tanto para garantir a saúde das persoas como para recuperar un espazo natural emblemático de Noia.

