Muros vive este 1 de maio unha xornada de loito tras coñecerse o falecemento dun veciño de 30 anos, natural da parroquia de Serres, nun tráxico accidente de tráfico acontecido de madrugada no centro da vila.
O sinistro produciuse arredor das 5:30 horas, cando o vehículo no que viaxaba o mozo se saíu da vía e impactou frontalmente contra unha vivenda. A violencia do choque fixo que os servizos de emerxencias, pese a desprazarse con celeridade ao lugar, non puidesen facer nada por salvar a vida do condutor, que faleceu no acto. Outra persoa resultou ferida no accidente.
O Concello de Muros emitiu un comunicado oficial nas redes sociais no que expresa “o noso pesar polo falecemento esta madrugada do noso veciño Adrián, da parroquia de Serres”. Ademais, transmitiron “as nosas condolencias á súa familia e achegados” e desexaron “unha pronta recuperación ao ferido”.
A Garda Civil nvestiga as circunstancias do accidente. Mentres tanto, a veciñanza de Muros mostra unha profunda consternación pola perda dun mozo moi coñecido e querido na comunidade.

