O Concello de Noia esixe a Portos de Galicia a retirada do asfaltado da explanada de Labarta, no Paseo Marítimo de Noia, tras a aprobación polo Pleno do Concello dunha proposta que rexeita o actual proxecto de pavimentación e demanda a elaboración dun novo plan técnico baseado en criterios de sustentabilidade e calidade urbana.
A iniciativa foi presentada conxuntamente polos voceiros do BNG, Ricardo Suárez, e da Marea, Manolo Seijas, e contou co apoio maioritario da Corporación, malia a abstención dos grupos do PP e de NO.I.A. A proposta recalca a importancia da explanada como espazo estratéxico de conexión entre o núcleo urbano e o litoral, e critica o enfoque viario e de estacionamento do actual proxecto, que consideran unha perda de oportunidade para transformar a zona nun lugar de encontro e nun pulmón verde para a vila.
Entre os acordos adoptados figura a redacción dun novo proxecto paisaxístico que contemple conexións peonís con Barro, Testal e o centro urbano; o uso de pavimentos permeables e materiais respectuosos co medio ambiente; a incorporación de vexetación autóctona; e a creación de espazos sociais e de lecer. Tamén se propón buscar alternativas para o estacionamento noutros puntos, como os arredores da piscina municipal, cunha integración paisaxística axeitada.
Ademais, o Pleno acordou acometer este mesmo ano a peonalización do Paseo Antón Avilés de Taramancos, mantendo o acceso para servizos e persoas con mobilidade reducida, co obxectivo de reforzar a integración co espazo da explanada de Labarta.
A proposta contempla tamén a apertura dun proceso participativo para recoller achegas da veciñanza sobre o deseño e os usos deste espazo, considerado clave para o futuro urbano e ambiental de Noia.

