Este sábado 10 de maio, a vila de Noia vístese de rosa coa chegada dunha nova edición da campaña “Pink Noia”, unha iniciativa impulsada pola asociación de comerciantes Noia Histórica co obxectivo de dinamizar o comercio local e atraer visitantes á zona histórica do municipio.
Baixo o lema “Todo ao 20% Dto”, máis de 30 tendas de moda ofrecerán atractivos descontos durante toda a xornada, mantendo os seus establecementos abertos ata as 21:00 horas. A festa comezará ás 18:00 horas cunha zona de inchables para os máis pequenos, seguida dunha degustación de bolos preñados ás 19:00 horas e rematará cun sorteo de 500 euros en vales de compra ás 21:00 horas na Praza do Curro. Para participar no sorteo, os clientes deberán conseguir os tickets mercando nas tendas adheridas.
A xornada estará amenizada coa actuación en directo do DJ REXON, engadindo música e ambiente festivo a un día de compras e lecer para toda a familia.
A campaña conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Noia, a marca Noia Histórica e a Deputación da Coruña, demostrando unha vez máis o compromiso institucional co comercio de proximidade e a revitalización dos centros urbanos.

