Cando se cumpren dous anos do actual mandato municipal, a situación en Noia é preocupante: servizos públicos deteriorados, proxectos sen executar e unha débeda que supera os nove millóns de euros lastran o futuro da vila.
Lonxe de avanzar, Noia parece atrapada nun ciclo de promesas incumpridas e falta de planificación. A veciñanza leva meses denunciando a ineficiencia na xestión municipal e a ausencia dunha folla de ruta clara para dar resposta aos problemas que afectan o día a día.
Entre os exemplos máis evidentes está a obra da Praza de Abastos*, que xerou malestar tanto polo seu deseño como pola súa execución deficiente. Outro símbolo da inacción é o Museo do Mar, que continúa pechado pese ao seu potencial como espazo cultural e turístico.
No plano dos servizos esenciais, a calidade da auga da traída deteriorouse notablemente, xerando preocupacións sanitarias. A praia de Testal, que debería ser un recurso clave para o turismo local, leva tempadas consecutivas sendo declarada non apta para o baño. E no ámbito do deporte, a recente intervención no campo de Abruñeiras non respondeu ás necesidades reais da práctica deportiva.
Porén, o dato máis alarmante é o volume da débeda municipal que supera xa os nove millóns de euros, Parte importante desta cifra corresponde á débeda coa empresa de recollida do lixo, pero tamén se acumulan obrigas de pago por xestións anteriores sen resolver.
A vila segue carecendo de recursos clave como chan industrial para atraer empresas, unha escola infantil pública, ou un centro de día para as persoas maiores. Tampouco se avanzou en garantir vivenda accesible para a xente moza nin en mellorar as conexións de transporte público cara Santiago e Arousa Norte.
A sensación de abandono é compartida por amplos sectores da cidadanía, que reclaman un cambio de rumbo urxente. Pídese unha d ordenación urbanística racional, un saneamento integral efectivo, un novo depósito de auga que garanta o abastecemento e un paseo marítimo deseñado para as persoas. Tamén gaña forza a demanda de municipalizar servizos esenciais, como o SAF, para garantir calidade e dignidade laboral.
Chegado o ecuador da lexislatura, Noia enfróntase a unha disxuntiva: continuar na deriva actual ou apostar por un proxecto de vila que poña no centro os intereses da veciñanza. O tempo dos anuncios sen cumprir esgótase.

