A Alameda de Noia converterase este domingo 14 de decembro no epicentro gastronómico e solidario da vila coa celebración dunha nova edición da Festa de Degustación organizada pola Confraría de San Bartolomeu de Noia, en colaboración co Concello. A partir das 13:00 horas, veciñanza e visitantes poderán gozar dun menú tradicional elaborado con produto da ría, ao tempo que contribúen a unha causa social.
A proposta gastronómica inclúe empanadas de trigo, empanadas de millo e arroz con berberechos, tres elaboracións emblemáticas da cociña mariñeira local que poñen en valor a calidade do berberecho noiés. O evento terá un donativo simbólico de 5 euros, que se destinará integramente a Cáritas e á Cruz Vermella, reforzando así o carácter solidario da celebración e o compromiso da confraría e do Concello coas entidades sociais.
Dende a organización destacan que esta festa é unha oportunidade para “compartir, degustar e celebrar o mellor da nosa ría”, aproveitando ademais a ambientación do Nadal para crear un espazo de encontro aberto a toda a cidadanía.
O Concello de Noia anima á participación neste acto, que combina gastronomía, tradición e solidariedade, e que ano tras ano reúne centos de persoas arredor dun produto único e dunha causa común.
.

