Noia dá a benvida ao Nadal este venres co acendido oficial das luces

Image

A vila de Noia vivirá este venres 12 de decembro unha tarde chea de maxia, música e tradición co acendido oficial das luces de Nadal, un dos actos máis agardados do ano pola veciñanza. O evento terá lugar no Palco da Música, a partir das 19:00 horas, e chega cun programa pensado para toda a familia.

O acto de acendido correrá a cargo da Asociación A Creba, que participará activamente nesta inauguración festiva coa que se dará por iniciado o Nadal no municipio. Tras o acendido, a música tomarán o protagonismo cun concerto de panxoliñas a cargo da Coral Polifónica de Noia, que interpretará algunhas das composicións máis representativas destas datas, contribuíndo a crear un ambiente cálido e emotivo.

Ademais, para acompañar a celebración, ofrecerase chocolate con churros de balde, unha proposta que, ano tras ano, reúne pequenos e maiores arredor dun momento de convivencia que marca o comezo das festas no corazón da vila.

O Concello de Noia convida a toda a cidadanía a participar deste encontro que combina tradición, solidariedade e espírito festivo, e que enche de luz e alegría as rúas noiesas de cara ao Nadal.

📅 Venres 12 de decembro
🕖 19:00 horas
📍 Palco da Música, Noia.

Deja un comentario